Addaw, ir ao inicio Doar

Tipos de discapacidade e accesibilidade web

Escrito por Fran Ramirez • Abril 27, 2023

A accesibilidade web refírese á capacidade das persoas, independentemente das súas habilidades ou discapacidades, para acceder aos sitios web e usalos de maneira efectiva. Isto inclúe navegar polas páxinas web, atopar a información necesaria e utilizar as funcións dos websites sen problemas.

Para as persoas con discapacidade, a accesibilidade web é moi importante porque pode marcar a diferenza entre unha experiencia online efectiva ou frustrante. A accesibilidade web garante que as persoas con discapacidade poidan gozar dos mesmos servizos e oportunidades en liña que as persoas sen ela.

O obxectivo deste artigo é amosar os diferentes tipos de discapacidade que inflúen na accesibilidade web, ofrecendo solucións tecnolóxicas e boas prácticas para fomentala. Ao comprender os desafíos aos que se enfrontan as persoas con discapacidade cando visitan as páxinas web e as solucións dispoñibles para superalos, agardamos axudar os deseñadores e responsables das webs a crear experiencias online máis inclusivas e accesibles para todo o mundo.

Tipos de discapacidade

As discapacidades poden afectar as persoas de diferente forma, e estas poden necesitar distintas adaptacións para garantir a accesibilidade . A continuación descríbense os catro tipos principais de discapacidade.

Discapacidade visual

A discapacidade visual é unha condición na que a persoa ten dificultades de visión. Esta discapacidade pode ser conxénita ou adquirida por unha enfermidade, unha lesión ou o envellecemento. As persoas con esta discapacidade poden ter diversos graos de perda de visión, desde unha visión borrosa ou limitada ata unha cegueira total.

Nos últimos anos, a tecnoloxía evolucionou significativamente para axudar as persoas con problemas de visión a acceder á información de maneira máis doada e eficiente. As ferramentas de accesibilidade web, como os lectores de pantalla e as descricións de imaxes, fixeron que os sitios web sexan máis accesibles para estas persoas, o que lles permite comunicarse e navegar polas webs de maneira máis cómoda.

Ademais das tecnoloxías, as persoas con discapacidade visual tamén poden beneficiarse doutras ferramentas e servizos, como a formación en habilidades de orientación e mobilidade, o apoio de cans guía, a lectura en braille e a educación en contornos específicos para persoas con esta discapacidade. Con todo isto, as persoas con discapacidade visual poden superar desafíos e vivir unha vida plena e independente.

Discapacidade auditiva

A discapacidade auditiva refírese a calquera perda de capacidade auditiva nun ou nos dous oídos. Pode estar causada por unha gran variedade de factores, como a exposición prolongada a ruídos fortes, infeccións, enfermidades xenéticas ou lesións cerebrais. As persoas que a teñen poden ter dificultades para escoitar sons de baixa intensidade, como conversas, música ou outros sons do ambiente, o que lles provoca dificultades na comunicación e nas relacións sociais.

Hai diferentes graos de discapacidade auditiva, desde leve ata xordeira total. As persoas cunha discapacidade leve poden comunicarse mediante audiófonos ou dispositivos de amplificación, mentres que as que teñen xordeira total poden depender da lingua de signos ou doutras formas visuais de comunicación.

A tecnoloxía tamén axudou moito a mellorar a accesibilidade para as persoas con esta discapacidade. Os subtítulos e a interpretación en lingua de signos son algúns dos recursos que se usan para que estas persoas poidan acceder ao contido sonoro, como películas, vídeos e televisión. Ademais, dispositivos como os audiófonos e os implantes cocleares poden axudar as persoas con estes problemas a escoitar sons e comunicarse de forma máis eficiente.

Discapacidade motora

A discapacidade motora é a que afecta o movemento e a coordinación dos músculos, o que limita a capacidade dunha persoa para moverse e realizar actividades físicas. Pode estar causada por lesións cerebrais, enfermidades neuromusculares ou accidentes, entre outras causas.

As persoas con esta discapacidade poden ter dificultades para facer tarefas rutineiras como vestirse, comer, camiñar ou subir escaleiras. Tamén poden ter problemas á hora de interactuar co contorno físico e dixital, incluída a navegación web.

En canto á accesibilidade web, as persoas afectadas por esta discapacidade poden ter problemas para usar un rato ou un teclado tradicional, polo que necesitan dispositivos de entrada especializados, como joysticks, pancas, teclados especiais ou interfaces de voz. Tampouco debemos esquecer que as páxinas web deberán incluír no seu deseño ferramentas de navegación alternativas, como as teclas de acceso rápido, que fagan máis doado usar a web sen depender dun rato ou teclado.

No caso da accesibilidade web e as persoas con discapacidade motora, é importante ter en conta non só a adaptación da tecnoloxía, senón tamén deseñar os contidos e servizos de maneira inclusiva e considerando as necesidades das persoas.

Discapacidade cognitiva

A discapacidade cognitiva consiste nunha limitación da capacidade de procesar información e razoar, o que pode afectar as habilidades de aprendizaxe, comunicación e participación na sociedade. As persoas con discapacidade cognitiva poden ter dificultades en áreas como a memoria, a atención, a comprensión e a resolución de problemas.

As causas poden variar: trastornos xenéticos, lesións cerebrais, enfermidades ou exposición a substancias tóxicas. Tamén se pode manifestar de varias maneiras e con diferentes graos de severidade, desde dificultades leves de aprendizaxe ata discapacidades máis graves que requiren atención diaria.

As melloras de accesibilidade web pensadas para persoas con discapacidade cognitiva poden incluír a simplificación da linguaxe, o uso de imaxes ou outros medios visuais para apoiar a comprensión, a organización clara do contido e a redución de distraccións visuais e auditivas innecesarias. En canto ás tecnoloxías de apoio, hai utilidades como os lectores de pantalla con voz e o software de comunicación aumentativa e alternativa.

Adaptacións tecnolóxicas para a accesibilidade web

As adaptacións tecnolóxicas desempeñan un papel fundamental na construción de sitios web accesibles, xa que permiten que as persoas con calquera tipo de discapacidade accedan a eles e participen plenamente. Nesta sección amosamos algunhas das principais tecnoloxías de apoio e estratexias dispoñibles para mellorar a accesibilidade web.

Discapacidade visual

As persoas con problemas visuais poden atopar barreiras que dificultan o seu acceso ás páxinas web. Nese sentido, as adaptacións tecnolóxicas convértense en ferramentas imprescindibles para que poidan gozar dos servizos en liña. A continuación amosamos algunhas das tecnoloxías de apoio máis relevantes para este grupo de usuarios.

Discapacidade auditiva

No caso concreto das persoas con discapacidade auditiva, son moitas as barreiras e dificultades que aparecen á hora de navegar por internet. Nesta sección presentamos as adaptacións e tecnoloxías que poden facer que a web sexa máis accesible para as persoas con esta discapacidade, incluídas tecnoloxías de apoio e estratexias de deseño web:

Discapacidade motora

Para os usuarios con dificultades motoras, as barreiras físicas poden ser un problema á hora de acceder ás ferramentas tecnolóxicas habituais. Porén, hai multitude de tecnoloxías de apoio que poden axudar estas persoas a mellorar a súa calidade de vida. Nos seguintes parágrafos presentamos algunhas das mellores adaptacións tecnolóxicas para as persoas con discapacidade motora.

Discapacidade cognitiva

Os usuarios con problemas cognitivos enfróntanse a grandes desafíos á hora de navegar polos websites, polas súas dificultades para comprender a información, seguir instrucións ou lembrar certas accións. Nese sentido, as diversas adaptacións tecnolóxicas poden axudar a mellorar a accesibilidade web do sitio e, con iso, a súa experiencia en liña. A continuación amosamos algunhas das tecnoloxías de apoio orientadas ás discapacidades cognitivas.

Boas prácticas de accesibilidade web

Por desgraza, aínda son moitos os sitios web que non son accesibles para todas as persoas, o que pode ser especialmente problemático para quen ten algunha discapacidade. Por este motivo, nesta parte do artigo expoñemos algunhas boas prácticas que os deseñadores e desenvolvedores web poden seguir para mellorar a accesibilidade web.

Conclusións

Despois de estudar os diferentes tipos de discapacidade e ver como inflúen na accesibilidade web, podemos concluír que é vital crear sitios web accesibles para todas as persoas, independentemente das súas capacidades e discapacidades.

Se non se teñen en conta as necesidades destas persoas, estaráselles excluíndo da información e dos servizos dixitais. Ademais, crear páxinas web accesibles non só beneficia as persoas con discapacidade, senón que tamén mellora a experiencia de usuario para todo o mundo.

Polo tanto, responsables, deseñadores e desenvolvedores web teñen a responsabilidade de promover a accesibilidade web nos seus proxectos e comunidades. É fundamental que nos formemos e capacitemos para construír sitios web accesibles para todo o mundo. Xuntos podemos axudar a difundir a súa importancia e animar outras persoas a adoptar prácticas accesibles nos seus proxectos.

Gústache o que ves? Compárteo cun amigo.


Comentarios

Aínda non hai comentarios.

Déixanos o teu comentario