Addaw, ir ao inicio Doar

Lectura Fácil

Escrito por Iris García García • Marzo 08, 2023

Que é a Lectura Fácil?

Falamos dunha forma de facer que a información escrita sexa sinxela de entender.

Os documentos feitos con este sistema adoitan combinar frases curtas e sen xerga con imaxes claras que facilitan a comprensión do contido. Úsase cada vez máis para axudar moitas persoas con dificultades de aprendizaxe.

Porén, a Lectura Fácil tamén serve para axudar as persoas que están a aprender unha segunda lingua, que teñen dificultades para ler e escribir, problemas de memoria ou que van con présa.

A Lectura Fácil ás veces confúndese coa Linguaxe Clara. Aínda que ambas teñen o mesmo obxectivo, asegurarse de que a información é máis sinxela de entender, un texto de Lectura Fácil adoita ser bastante menos complexo ca un texto en Linguaxe Clara e normalmente inclúe imaxes simples. Imaxinemos que estes estilos de escritura están nunha liña: a Lectura Fácil estaría nun extremo, a Linguaxe Clara no medio e a escritura estándar no outro extremo.

 

Por que deberiamos utilizar a Lectura Fácil?

O dereito a unha información accesible quedou recollido por lei na Convención das Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con discapacidade (UNCRPD, polas súas siglas en inglés) e na Lei de igualdade de 2010 (Equality Act), que protexe as persoas con discapacidade da discriminación.

Se a información non se presenta nun formato doado de entender, algunhas persoas poderían ter problemas para tomar decisións clave sobre áreas importantes da súa vida. Por exemplo, as relativas ao traballo, á saúde ou ao lecer.

Traballo

Os formularios para solicitar un emprego, as descricións de postos inaccesibles e cheas de xerga e unha información excesivamente detallada poden supoñer barreiras para as persoas con dificultades de lectura. Dada a reducida porcentaxe de persoas adultas con dificultades de aprendizaxe que teñen un posto de traballo remunerado, eliminar este tipo de barreiras totalmente innecesarias causadas por unha información inaccesible é claramente unha cuestión social moi importante.

Educación

Ofrecer información nun formato de lectura doada é unha das moitas formas coas que os colexios e as universidades poden facer a educación máis accesible para as persoas con problemas de aprendizaxe, así como para quen ten dificultades á hora de ler. Un exemplo disto é marcar con negra e con listas de viñetas os puntos e as partes importantes dun tema.

Saúde

As persoas con dificultades de aprendizaxe poden enfrontarse a importantes desigualdades evitables no ámbito da saúde. Os servizos e as páxinas web da Seguridade Social, así como calquera outra páxina do Estado, deben cumprir a normativa de accesibilidade vixente desde 2018. Aínda que esta lexislación mellorou notablemente a cantidade de información sobre saúde en formato accesible, aínda hai moitos pacientes que non reciben esa información dunha forma que poidan comprender.

Consulta o noso artigo 'Quen debe cumprir a normativa de accesibilidade'

Lecer

As persoas con dificultades de aprendizaxe participan en menos actividades sociais, teñen menos contactos, fan menos exercicio e interésanse menos polo mundo artístico ca as persoas sen estes problemas. Aínda que hai moitas barreiras nestas actividades de lecer, a información accesible é unha cuestión crucial. Xerar información accesible sobre espazos de lecer, clubs e transportes facilita que as persoas con problemas de aprendizaxe participen.

 

Como crear a información en formato de Lectura Fácil?

Neste momento non hai uns estándares establecidos para a Lectura Fácil. Porén, moitas persoas usuarias deste sistema, tradutores, académicos e demais acordaron seguir os puntos seguintes, xa que son consideracións importantes que hai que ter en conta cando pensamos en xerar contido accesible.

Aínda que facer a información accesible con Lectura Fácil axuda moita xente, non é suficiente para todo o mundo. Algunhas persoas lectoras poden necesitar axuda extra para entender o documento, como vídeos, audios ou o apoio de persoal de apoio. En calquera caso, os puntos seguintes son unha boa referencia para comezar.

Pensar no documento antes de comezalo

Planificar de antemán unha tradución accesible e non deixala para despois. As versións accesibles ás veces necesitan tempo para preparalas ben, e non é raro que as persoas que precisan un formato accesible teñan que agardar moito ata que estean dispoñibles.

Hai que pensar no motivo para facer o documento de Lectura Fácil e en como o pode usar unha persoa lectora. Quen é o público obxectivo? Cales son as súas necesidades?

É o documento realmente importante? Parece unha pregunta estraña, pero a lectura pode facerse moi complicada para algunhas persoas. Por iso, é importante considerar se o documento ten a importancia suficiente para que alguén dedique a el o pouco tempo de que dispón cun traballador de apoio ou auxiliar.

Se non hai orzamento para adaptar todos os documentos, xa sexa en tempo ou en diñeiro, o mellor é priorizar os documentos que consideremos máis útiles.

É bo ler o documento e decidir que mensaxes e feitos son importantes. Que información central quere saber a persoa lectora? Omite calquera cousa que non achegue nada á mensaxe principal do texto ou que non sexa necesaria.

Por último, hai que considerar a información que se puido dar por suposta. Falta algo que unha persoa lectora poida necesitar saber para lle dar sentido ao noso documento? Ás veces as cousas están moi claras na nosa cabeza porque temos todo o coñecemento necesario, pero para unha persoa allea ao tema, especialmente se ten problemas de aprendizaxe, pode ser necesario explicalo un pouco máis.

Organizar as ideas

É bo reservar algo de tempo para pensar en como estruturar un documento de Lectura Fácil antes de escribir ou adaptar nada. Se non, pode tentarte facer unha adaptación liña por liña moi literal. Normalmente isto non é necesario e probablemente dea como resultado un documento longo e innecesariamente complicado, difícil de entender.

Crear unha portada nova. Hai que asegurarse de que nela aparecen claramente escritos o tema do documento e o seu autor, e de que é unha versión de Lectura Fácil.

Comprobar a orde das ideas. Non é necesario seguir a orde do documento orixinal. Se ten máis sentido reordenalo, faise.

Manter a cronoloxía. É importante asegurarse de que o documento é doado de seguir, poñendo os acontecementos, as instrucións ou os procesos na orde en que suceden.

Usar encabezados. Crear títulos de sección doados de entender e subtítulos para dividir o texto faino máis amigable e fácil de ler.

Que expectativas ten a xente? Por exemplo, as persoas lectoras probablemente esperen atopar os datos de contacto ou as fontes de axuda ao final do documento. Porén, non debemos remitir a páxinas ou documentos que supoñan un problema de accesibilidade.

Por último, aínda que non é necesario, engadir unha táboa ou páxina de contidos pode ser útil, especialmente nos documentos longos. Dado que para algunhas persoas ler pode ser todo un desafío, unha táboa de contidos pode axudalas a moverse polo documento.

Palabras

As pautas da Lectura Fácil insisten a miúdo no uso dunha linguaxe «sinxela». A que se refire exactamente? Ao cabo, o que para unha persoa é «sinxelo» non ten por que selo para outra. En calquera caso, si se poden establecer algunhas recomendacións básicas:

Frases e oracións

O obxectivo principal da Lectura Fácil é facer a información máis sinxela de ler. Polo tanto, non é imprescindible seguir as regras gramaticais se con iso facemos o texto máis difícil de entender para algunhas persoas.

Utilizar tempos verbais sinxelos, evitando algunhas das formas máis complicadas como o subxuntivo («Non creo que viñese») ou o condicional («Xoán vendería a súa moto»), facilita moito a comprensión da oración. Do mesmo xeito, convén evitar a pasiva («Xoán foi visto») e usar sempre oracións en activa («Viron a Xoán»).

Tamén é positivo utilizar oracións sinxelas, evitando estruturas complexas que alongan innecesariamente o texto. Unha oración con varias subordinadas pode quedar moi ben no papel, pero para unha persoa con dificultades de comprensión ou de lectura pode ser un auténtico reto.

Utilizar os signos de puntuación con moderación é outro punto que cómpre ter en conta. É mellor evitar os dous puntos ou o punto e coma sempre que sexa posible, e limitarnos ao punto e á coma, que son máis amigables.

Deseño

As boas prácticas ensínannos que é mellor deseñar a versión adaptada á Lectura Fácil de forma que se pareza o máis posible ao orixinal. Iso si, sempre que isto non comprometa a accesibilidade xeral.

Entre os puntos que hai que ter en conta no deseño están:

Imaxes

As imaxes sinxelas son doadas de entender para a gran maioría das persoas que ven, independentemente da súa lingua materna ou de se saben ler ou escribir.

Unha imaxe nun documento de Lectura Fácil pode axudar a comprender o texto (especialmente a quen non sabe ler), favorecer a memoria e a concentración e mesmo facilitar falar do tema se o documento se usa xunto con outra persoa, como un traballador de apoio.

As fotos axudan ademais a que a persoa lectora saiba de antemán de que trata o texto. Do mesmo xeito, fan que un documento resulte máis amigable á hora de enfrontarse a el.

Tamén serven para destacar algo que a persoa lectora necesita recoñecer, como un edificio ou unha persoa concreta (hospitais, médicos, profesorado etc.).

Hai que ter coidado á hora de escoller unha imaxe para o documento, pois moitas veces se escollen fotos inapropiadas ou confusas. É mellor tomarse o tempo necesario para atopar a imaxe ideal. Aquí deixamos algunhas pautas para buscala:

Público obxectivo

O mellor xeito de asegurarnos de que un documento é de Lectura Fácil é pedirlle a unha persoa con dificultades de aprendizaxe que o comprobe. Así saberemos se se comprende correctamente ou non.

Sempre que sexa posible, é bo pedirlles que os revisen ás persoas que sabes que van usar os documentos. Se non se pode, hai profesionais que ofrecen este tipo de servizos.

 

Consideracións finais

A Lectura Fácil é útil para facer a información accesible, pero non é a panacea nin unha ciencia exacta. Tampouco substitúe unhas boas habilidades de comunicación cara a cara. Hai que lembrar que non todas as persoas con discapacidade na aprendizaxe poden ler un documento en Lectura Fácil. Haberá quen necesite unha persoa de apoio que a axude a percorrer a información. Tamén hai persoas que necesitan un formato accesible distinto, como un vídeo ou unha pista de audio.

Por último, cando se adapta un texto á Lectura Fácil, o normal é que cada persoa poña as súas propias ideas e puntos de vista no documento. Decidir que palabras usar e cales non, ou que destacar como tema principal, cambia inevitablemente o documento. Cómpre tomarse un momento para considerar que se está a comunicar como «bo» ou «malo», como «importante» ou «non importante». As imaxes escollidas inclúen diversidade e evitan a discriminación? Ou están a perpetuar estereotipos? Como todos os documentos, as adaptacións de Lectura Fácil poden ser poderosas ferramentas de creación e divulgación de ideas na sociedade, así que sexamos responsables ao utilizalas.

Gústache o que ves? Compárteo cun amigo.


Comentarios

Aínda non hai comentarios.

Déixanos o teu comentario