Addaw, ir ao inicio Doar

A intelixencia artificial revoluciona a accesibilidade

Escrito por Iris García García • Febreiro 27, 2023

Moitos de nós cremos que a intelixencia artificial é algo abstracto, un concepto afastado que só atopamos nas películas de ciencia ficción, con robots de aspecto humano e hologramas. Porén, estase a converter en algo cada vez máis común no noso mundo e está a chegar a outras profesións e grupos de poboación, entre eles as persoas con discapacidade. A intelixencia artificial revolucionou o mundo da accesibilidade e a inclusión, xa que a calidade de vida das persoas con discapacidade mellorou de forma significativa grazas a solucións baseadas neste tipo de tecnoloxía.

A tecnoloxía de IA pódese aplicar a calquera perfil de discapacidade e desde os dispositivos máis cotiáns. Por exemplo, hoxe ninguén dubida de que os teléfonos intelixentes ou «smartphones» poden ser de gran axuda para as persoas con problemas de visión. Hai moitas aplicacións que lles permiten levar unha vida independente, como Seeing AI, coa que poden ler as súas cartas poñéndoas baixo a cámara do teléfono.

En definitiva, o obxectivo da intelixencia artificial é mellorar enormemente a mobilidade e a participación das persoas con discapacidade ao permitir automatizar tarefas que normalmente requirirían intelixencia humana, como o recoñecemento de voz, a percepción visual, o texto preditivo, a toma de decisións e outra gran variedade de tarefas. Estamos ante a posibilidade de revolucionar a vida destas persoas ao simplificar o desenvolvemento de dispositivos interactivos que promoven a independencia e a accesibilidade física.

 

A intelixencia artificial e as relacións humanas.

Actualmente hai multitude de aplicacións prácticas da IA para mellorar a vida e as relacións persoais das persoas con discapacidade. Polo importante papel que a intelixencia artificial ten na comunicación, o uso desta tecnoloxía simplifica moito a obtención de información ao axustarse ás necesidades de cada persoa.

Para persoas con problemas de oído

Logotipo de Voiceitt

O desenvolvemento de tecnoloxías de transcrición de voz a texto e de texto a voz beneficia enormemente as persoas con problemas na fala. Os programas de recoñecemento de voz, como Voiceitt, poden converter as palabras que pronuncia a persoa usuaria nun discurso claro e normalizado que se pode transmitir como audio ou como texto. Este tipo de «software» tamén se pode utilizar para facilitar as interaccións cara a cara con persoas que teñen problemas para expresarse. Do mesmo xeito, Parrotron, de Google, é outra tecnoloxía de IA que facilita a comprensión neste tipo de casos.

Os avances tecnolóxicos en IA tamén permitiron crear solucións que lles fan a vida máis doada ás persoas con problemas de audición. GnoSys, o tradutor de Google para persoas mudas e xordas, é un dos principais provedores deste tipo de ferramentas con IA. Traduce ao instante a lingua de signos feita coas mans a audio ou texto utilizando redes neuronais e visión por computador.

DeepMind, de Google, tamén desenvolveu un sistema que descodifica de forma precisa frases enteiras utilizando algoritmos de lectura labial. Estes algoritmos adestráronse vendo máis de 5.000 horas de diferentes programas de televisión e analizando 118.000 oracións. Como resultado, desenvolveron un sistema capaz de entender unha conversa en situacións con ruído e coas diferentes iluminacións que podemos atopar nos lugares públicos.

Para persoas con problemas de visión

Lentes OrCam

Unha ferramenta baseada en IA que resulta revolucionaria para as persoas cegas e con problemas de visión é OrCam. Este sistema transmite rapidamente información visual respondendo a ordes de voz. Tamén pode detectar persoas, distinguir entre diferentes produtos, identificar cores e ler en voz alta un texto, un xornal, un teléfono móbil ou calquera superficie con texto impreso ou dixital. Dálles ás persoas cegas uns niveis de independencia sen precedentes ao permitirlles realizar multitude de tarefas pola súa conta.

As persoas con resto visual tamén poden mellorar a súa calidade de vida coa intelixencia artificial. Unha IA pode interpretar o contexto dos obxectos das imaxes e describirllos á persoa usuaria grazas ás tecnoloxías de recoñecemento de imaxe. Un gran exemplo deste tipo de plataforma de visión por computador é Seeing AI, de Microsoft, mencionada antes, que lles describe o mundo ás persoas con problemas de visión: lélles documentos, descríbelles o seu aspecto e identifica rostros e emocións.

Domótica, pensada para todo o mundo

Logotipo de Alexa

Aínda que hoxe en día se ven en cada vez máis fogares, son as persoas con discapacidade as que máis se poden beneficiar dos novos dispositivos de domótica. Grazas ás aplicacións das casas intelixentes, como luces, cortinas, portas de garaxe, termóstatos etc., poden vivir de forma máis sinxela.

A iluminación intelixente pódese usar para acender ou apagar as luces a distancia, así como para regular a cantidade de luz. Hai aplicacións móbiles que permiten abrir e pechar automaticamente as cortinas ou mesmo vixiar a porta do garaxe desde calquera parte. Os termóstatos intelixentes teñen mesmo funcións que permiten controlar a temperatura da casa e mantela agradable de forma constante a distancia. Instalar un timbre intelixente que permita ver quen está na porta a través dunha pantalla e abrir ou pechar a porta pode ser especialmente útil para as persoas con problemas de mobilidade.

As persoas con mobilidade reducida e as persoas cegas son as que máis se benefician do uso das tecnoloxías de domótica. Todo isto actívase mediante ordes de voz sinxelas que permiten explicar rapidamente o que se necesita e solicitar a información que se busca.

A aplicación de Alexa, por exemplo, é un gran recurso para estas persoas, xa que permite a interacción por voz, activar alarmas e recordatorios, reproducir música, crear listas de tarefas e ofrecer información en tempo real.

 

Que pode facer unha IA pola accesibilidade?

Lembremos que intelixencia artificial é o termo que se emprega para describir ordenadores ou algoritmos intelixentes capaces de levar a cabo tarefas cognitivas que normalmente realizan os seres humanos. Isto inclúe un gran número de solucións tecnolóxicas que imitan as persoas e empregan a lóxica, como xogar partidas de xadrez ou resolver ecuacións.

Unha das tecnoloxías que caracteriza a IA é a aprendizaxe computacional (tamén coñecida como aprendizaxe automática ou «machine learning» en inglés), que permite que os algoritmos aprendan e evolucionen ao expoñelos a máis datos para predicir as peticións dos clientes. Por exemplo, Google emprega a aprendizaxe computacional para ofrecer resultados de busca máis personalizados. Os seus algoritmos recompilan información sobre o que buscaron as persoas usuarias de internet e o que lles gustou nas redes sociais.

Todo isto pódese aplicar para que internet sexa un lugar máis accesible para todo o mundo, especialmente para quen atopa máis barreiras. Algúns exemplos de métodos baseados en intelixencia artificial que axudan a eliminar estes obstáculos de accesibilidade son:

A continuación, propoñémosvos algúns exemplos de aplicacións ou programas para tarefas ou apoios específicos.

 

 

Para persoas con problemas de visión:

Para persoas xordas ou con dificultades para oír:

Para persoas con limitacións físicas:

Por outra banda, aínda que crear unha páxina web accesible pode ser todo un reto (podes consultar o noso artigo sobre accesibilidade web para que non o sexa tanto para ti), a intelixencia artificial ten o potencial de revolucionar a accesibilidade, xa que a aprendizaxe computacional permite analizar o deseño dun sitio web:

A intelixencia artificial e a mobilidade

Hoxe en día, as persoas con calquera tipo de discapacidade poden beneficiarse das tecnoloxías de IA. Moitas empresas esfórzanse por apoiar a inclusión social das persoas con discapacidade, como o programa de IA para a accesibilidade de Microsoft, que aproveita o potencial da intelixencia artificial para crear solucións a unha variedade de obstáculos mentais e físicos que as persoas con dificultades poden atopar na súa vida diaria ou no traballo á hora de desprazarse dun lugar a outro.

Os coches de condución autónoma e outros medios de transporte deste tipo ofrecen ás persoas con discapacidade que están atadas á casa unha liberdade de movemento sen precedentes. Os vehículos autónomos creados por Waymo de Google, Uber, Lyft ou Drive AI, por citar algúns, poñen fin a este illamento físico e animan a levar un estilo de vida máis social. As persoas con discapacidade poden saír da casa, moverse polo seu barrio, quedar coas amizades ou mesmo atopar emprego grazas a estes vehículos sen condutor. Deste xeito, a mobilidade independente é máis doada de conseguir e dáselle un pulo á accesibilidade adaptada ás necesidades e habilidades de cada persoa unha vez plenamente incorporada á sociedade.

A un nivel máis sinxelo temos as aplicacións e programas que facilitan o desprazamento e a orientación cara a un lugar ou dentro del. Atopamos, por exemplo, a aplicación de GPS Google Maps, coñecida en todo o mundo. As persoas usuarias de cadeira de rodas ou con problemas de visión poden planificar as súas viaxes con antelación e consultar a ruta e o mellor modo de desprazarse segundo as súas necesidades. Pódense atopar as ramplas e os ascensores dispoñibles nunha cidade activando a opción «accesible en cadeira de rodas» da lapela de rutas en transporte público. Ademais, a función de «lugares accesibles», que se configura no perfil persoal da conta de Google, axuda ofrecendo máis detalles sobre a distribución de diferentes sitios: entradas, aparcamentos, aseos e zonas de descanso. As persoas con problemas de visión poden usar esta función para localizar a situación exacta da entrada dun edificio, por exemplo.

 

Wheelmap.org

 

Outra aplicación de mobilidade interesante é Wheelmap, que cataloga e sitúa no mapa todos os establecementos de acceso público (cafetarías, tendas, restaurantes etc.).

Para as persoas con problemas de visión, Soundscape pode resultar moi útil, xa que utiliza tecnoloxía de audio 3D para describir o contorno. Así, poden atopar facilmente calquera punto de interese ou cruzamento próximo, algo moi útil para moverse por unha cidade.

Outro exemplo de axuda para a orientación é Moovit, un programa fantástico para as persoas usuarias do transporte público. Cando os avisos sonoros non están activados no vehículo, como nun autobús ou nun tren, Moovit dá información do tráfico en tempo real, o que é moi útil para as persoas con discapacidade visual.

A primeira aplicación que ofrece unha ruta segura en interiores para persoas con discapacidade chámase Evelity. Con ela pódense mover facilmente por espazos de distribución complexa ou cheos de xente, como estacións de metro, universidades, centros comerciais ou estadios. Evelity ofrece indicacións detalladas e ten función de GPS. Ademais, está especialmente deseñada para responder ás necesidades de cada perfil de persoa usuaria:

 

Un futuro prometedor

As persoas con discapacidade teñen moito que gañar coas solucións baseadas en IA, que melloran a súa autonomía nas actividades diarias e lles dan a posibilidade de adquirir novas habilidades. Grazas a esta tecnoloxía, a accesibilidade, a inclusión social e a vida independente fanse posibles de maneiras que doutro xeito se poderían considerar difíciles ou mesmo imposibles.

A medida que a intelixencia artificial siga avanzando, é probable que cheguemos a ver formas máis creativas e innovadoras de abordar os problemas máis difíciles cos que se atopan as persoas con discapacidade e, así, mellorar a súa calidade de vida.

Gústache o que ves? Compárteo cun amigo.


Comentarios

Aínda non hai comentarios.

Déixanos o teu comentario