Addaw, ir ao inicio Doar

Accesibilidade web e posicionamento SEO

Escrito por Iris García García • Febreiro 14, 2023

Está a converterse a accesibilidade en algo cada vez máis importante para o posicionamento web (SEO)?

Coa chegada da actualización dos «Google’s Core Web Vitals», unha iniciativa de Google para ofrecer unha guía unificada de indicadores de calidade esenciais que garantan a mellor experiencia posible ás persoas usuarias dunha web, hai un interese crecente pola experiencia de usuario no mundo do SEO. Google sempre defendeu a idea de que a facilidade de uso vaia da man da accesibilidade web, así que a pregunta agora é se veremos, nun futuro próximo, algún cambio no algoritmo de busca centrado en métricas de accesibilidade.

Nas axencias de SEO fálase a miúdo de como garantir o futuro das webs para asegurarse de que as estratexias de posicionamento adoptadas seguirán sendo válidas nos próximos anos. Esas conversas adoitan tocar temas como a escalabilidade e a flexibilidade do contido, as métricas da experiencia de usuario como a velocidade de carga e a estabilidade do deseño, a optimización da taxa de conversión e as boas prácticas de accesibilidade.

Aínda que polo de agora non hai un factor que clasifique a accesibilidade de forma completa, a crecente coincidencia que se produciu durante a última década entre os factores de clasificación SEO e as boas prácticas de accesibilidade suxire que as métricas de accesibilidade poderían ter un papel cada vez máis importante nos algoritmos dos motores de busca nos próximos anos. E se esta converxencia entre os dous campos non fose proba suficiente de que as métricas de accesibilidade van ter cada vez máis relevancia, abonda con botarlle unha ollada á páxina de Google, onde atopamos un apartado totalmente dedicado ao tema.

Así pois, imos botarlle unha ollada aos puntos que hoxe teñen en común a accesibilidade e o SEO.

Elementos comúns entre accesibilidade e SEO

Metadatos

Os metatítulos e as metadescricións son os cadros de texto dos resultados de busca orgánica estándar e, basicamente, funcionan como o texto dun anuncio no espazo SEO. Os metatítulos, tamén coñecidos como etiqueta de título ou título de páxina, son un factor importante para os resultados dos motores de busca. Ademais, aínda que as metadescricións non inflúen na posición dos resultados en si, ambos os campos poden ter un efecto importantísimo na porcentaxe de clics.

Exemplo de metadatos en Google

Os metadatos teñen un efecto similar sobre a accesibilidade: ter títulos e descricións precisos é crucial para indicarlle o tema dunha páxina a quen utiliza tecnoloxía de apoio, como un lector de pantalla, cando navega polos resultados de busca. Dentro dunha páxina web, o metatítulo adoita ser o primeiro que le un lector de pantalla. Se queres mellorar a calidade e a visibilidade dunha web nos resultados dos motores de busca e promover a accesibilidade web, crear metadatos precisos, concisos e con boas palabras clave é un bo punto de partida.

Texto alternativo das imaxes

Cando os creadores de contido pensan na relación entre accesibilidade e SEO, o texto alternativo das imaxes é un dos primeiros elementos nos que se deteñen. O texto alternativo é o valor dun atributo HTML que se usa para describir o tema ou o aspecto dunha imaxe, e é especialmente útil para as persoas con problemas de visión que utilizan lectores de pantalla. O texto alternativo é un compoñente central no deseño dunha web accesible, pero tamén é un factor de valoración nos motores de busca e axuda a describirlle o contido ao rastrexador dun motor de busca.

Dito isto, por desgraza o texto alternativo úsase a miúdo de forma incorrecta para engordar a cantidade de texto, polo que a súa función real acabou desprestixiada ata certo punto entre moitos deseñadores e profesionais do SEO. Porén, axudar as persoas con problemas de visión debería ser a principal prioridade ao escribir un texto alternativo. Se a imaxe está semanticamente relacionada co tema da túa páxina e coas palabras clave (como debería ocorrer na maioría dos sitios web), un texto alternativo conciso e axeitado debería favorecer igualmente os teus obxectivos de posicionamento.

Texto áncora das ligazóns (link anchor text)

Escribir un bo texto áncora para as ligazóns é algo obvio. Dálle á tecnoloxía de apoio unha indicación clara do tema do URL de destino, e hai que ter en conta que un texto áncora con boas palabras clave tamén axuda os motores de busca a comprender o tema da páxina. Por exemplo, usar «Descargar guía de accesibilidade» como texto áncora, no canto de poñer simplemente «preme aquí», é moito máis descritivo para a tecnoloxía de apoio e para os rastrexadores dos motores de busca.

Tanto se ligas a enderezos internos da web como a outra distinta, asegúrate de que o texto áncora é descritivo e está en consonancia co tema da páxina de destino.

Deseño accesible da web

A optimización para motores de busca non consiste só en atraer tráfico a unha web: o valor real está en conseguir que as persoas usuarias fagan determinadas accións no sitio unha vez que están dentro. Os principios do deseño accesible, como o tamaño e o contraste de cor do texto, así como unha estrutura web lóxica, non só inflúen na facilidade de uso, senón que tamén son cruciais para aumentar as taxas de conversión de todas as persoas usuarias.

Ter mecanismos internos de ligazón como mapas web HTML, listaxes de ligazóns (tamén chamadas «migas de pan» ou «fío de Ariadna») e boas chamadas á acción pode ser extremadamente útil para as persoas con discapacidade, e tamén lles serven aos rastrexadores dos motores de busca para percorrer as ligazóns entre páxinas. Do mesmo xeito, o uso de elementos de deseño con alto contraste e de HTML semántico adoita facer a busca máis sinxela para todo o mundo. Se a túa páxina web está deseñada para que as persoas con discapacidade poidan facer compras ou cubrir formularios de forma intuitiva, tamén debería mellorar en xeral a conversión do teu tráfico orgánico.

Transcricións de audio e vídeo

Cando atopamos arquivos de audio ou vídeo transcritos automaticamente por Google ou outros motores de busca, a exactitude do texto deixa moito que desexar. Transcribir a man as gravacións non só ofrece unha experiencia mellor ás persoas con discapacidade, senón que tamén lles proporciona aos motores de busca grandes porcións de texto rastrexable e garante que se inclúan as palabras clave.

Non hai que esquecer que as transcricións e os subtítulos permiten que as persoas con problemas auditivos poidan seguir o tema do que se fala. Tamén son moi útiles para as persoas que non poden utilizar o audio (se están a ver un vídeo nun lugar público, por exemplo). Se queres aumentar a visibilidade e o alcance nas buscas do teu contido audiovisual ou dos teus «podcasts», as transcricións poden ser de gran axuda.

Estrutura das etiquetas de encabezado

Os encabezados HTML non son expresamente un factor de puntuación para o posicionamento en Google, pero son cruciais para a navegación cos lectores de pantalla e outras tecnoloxías de apoio. Porén, os motores de busca dan un peso extra ao tamaño do texto, o que levou a que se estenda a práctica de poñer encabezados cargados de palabras clave, aínda que non estean minimamente ordenados.

Esquema dunha estrutura de encabezados ben ordenada

E cabe preguntarse: por que alguén non ía ter ben ordenados os encabezados HTML da súa páxina web? A resposta adoita ser que, se se usa CSS para definir o deseño (que a etiqueta se vexa máis grande ou máis pequena), non é 'necesario' poñer a etiqueta semántica correcta (o encabezado correcto). Non é necesario para que se vexa ben, pero si o é para que a estrutura interna da páxina sexa coherente.

Porén, ter unha estrutura de encabezados organizada con sentido non só promove a accesibilidade, senón que tamén axuda a garantir que o texto máis grande dunha páxina web siga o tema principal da propia web, o que probablemente se reflicta tamén nas palabras clave obxectivo.

Pola contra, uns encabezados HTML desorganizados son frustrantes ata para quen xestiona a web: ningún creador ou redactor de contido quere recorrer a encabezados aleatorios e poñer etiquetas H4 antes das H2 para despois modificar visualmente o contido mediante CSS. O mellor para aforrar dores de cabeza é utilizar unha estrutura axeitada na que a etiqueta H1 represente o título principal co texto máis grande e despois ir baixando na xerarquía de encabezados, coma se fose o índice dun libro.

Google xa mide a accesibilidade. Cando comezará a incluíla nos seus factores de busca?

Durante anos, Google estivo a medir a accesibilidade a través de Lighthouse, a súa ferramenta de comprobación do rendemento de webs, que ofrece diversas puntuacións de accesibilidade xunto con auditorías de aprobado/suspenso para diferentes compoñentes. Dado que moitos profesionais do SEO recorren a Lighthouse ou a PageSpeed Insights para comprobar as puntuacións das métricas de Core Web Vitals, non sería estraño que a accesibilidade fose a próxima gran actualización do algoritmo, xa que a infraestrutura está máis ou menos montada.

O certo é que predicir que métricas ou comprobacións de accesibilidade acabarán sendo factores de posicionamento é algo máis difícil. Como todos os factores dos motores de busca, os procesos de medición terían que estar automatizados para poder incorporalos ao algoritmo de Google.

O lanzamento pode que sexa similar ao de Core Web Vitals, no que se comproban algunhas das métricas máis relevantes e se lles asigna un valor mínimo para aprobar. Outra opción, dado que moitas das medidas de accesibilidade que toma o Lighthouse de Google son simples comprobacións de aprobado ou suspenso, sería que Google tomase a puntuación de accesibilidade agregada e definise unha serie de puntos de referencia para esa métrica.

Aínda que as comprobacións de accesibilidade automáticas de Google poden non ser unha solución completa en comparación coas auditorías de accesibilidade manuais feitas por persoas, como as que ofrecemos en ADDAW, incorporar métricas de accesibilidade como factores de posicionamento enviaríalle un sinal moi claro á comunidade SEO. Os profesionais deste sector adoitan revolucionarse cos anuncios de actualizacións do algoritmo de busca, así que hai que recoñecerlle a Google o seu esforzo por animar toda a comunidade creadora de contido a darlle á accesibilidade dixital a importancia que merece.

Exemplo de auditoría de Google coas súas puntuacións

Sexa ou non un factor de posicionamento SEO, debemos valorar a accesibilidade

Se consideramos que o obxectivo da estratexia SEO é levar persoas usuarias a unha páxina web a través dos motores de busca e animalas a facer determinadas accións mentres navegan polo sitio, entón é necesario ir incorporando as necesidades de accesibilidade nesa estratexia e nas auditorías.

Actualmente hai un intenso debate pendente sobre como garantir o futuro dunha web desde o punto de vista do posicionamento priorizando a accesibilidade. Se as ferramentas que ten Google para comprobar a experiencia de usuario nos queren dicir algo, podemos intuír que hai novos sinais de posicionamento relacionados coa accesibilidade á volta da esquina.

Porén, pór en práctica a accesibilidade dixital non debería facerse pensando unicamente en maximizar o tráfico e as conversións. Os creadores de contido deberían apoiar o concepto en si como a vía para que internet sexa utilizable por todo o mundo, e seguir estas pautas porque, basicamente, é o correcto. A visibilidade extra que trae consigo é simplemente un beneficio engadido.

Queres saber máis sobre a accesibilidade? Non te perdas o noso artigo Introdución á accesibilidade web, no que atoparás toda a información básica sobre o tema.

Gústache o que ves? Compárteo cun amigo.


Comentarios

Aínda non hai comentarios.

Déixanos o teu comentario