Addaw, ir ao inicio Doar

Desmontando o capacitismo e promovendo a diversidade

Escrito por Pablo Alcaraz Pérez • Xuño 21, 2023

Por que as persoas sen discapacidade poden amosar actitudes negativas cara á discapacidade e cara ás persoas con discapacidade? O capacitismo é o prexuízo e a discriminación dirixidos ás persoas con discapacidade, a miúdo cun desexo condescendente de 'curalas' e facelas 'normais'. Este comportamento fai que as persoas con discapacidade poidan sentirse tratadas coma se fosen inferiores ás persoas sen discapacidade, aínda que esa non sexa unha intención consciente por parte de quen xera ese sentimento.

  

 

Entre os factores que caracterizan o capacitismo e contribúen a el están:

·A ansiedade nos encontros sociais non estruturados, nos que as persoas sen discapacidade se comportan con incomodidade arredor das persoas con discapacidade.

·Os condicionamentos sociais e culturais, así como as normas (por exemplo, 'a xente coñecida, parecida a min, é boa').

·As respostas habituais cara ás minorías, de xeito que as persoas con discapacidade son marxinadas, igual ca outros grupos, pola súa raza, relixión, etnia ou orientación sexual, entre outros motivos.

·Os pensamentos de medo á morte, que aparecen cando persoas sen discapacidade se atopan con persoas con problemas de mobilidade, perda de funcións físicas...

·As actitudes xerárquicas cara á discapacidade, nas que, de maneira simplista pero errónea, algúns tipos de discapacidade (por exemplo, as físicas) se consideran máis aceptables ca outros (por exemplo, as mentais ou intelectuais).

·As crenzas morais incorrectas e ofensivas sobre a discapacidade, que, aínda que están desfasadas, seguen a darse, de xeito que unha discapacidade se interpreta como un castigo polos pecados ou como un xuízo sobre unha persoa ou a súa familia

·Diversos factores relacionados coa discapacidade, como a gravidade, a visibilidade e a previsibilidade (por exemplo, as situacións de discapacidade temporal vense de maneira máis favorable cás permanentes).

 

As persoas que non teñen unha discapacidade poden expresar explicitamente crenzas e sentimentos favorables cara á discapacidade e, ao mesmo tempo, albergar actitudes automáticas, inconscientes e claramente negativas (implícitas). Non son conscientes de que esas actitudes implícitas inflúen no seu comportamento cara ás persoas con discapacidade e anulan calquera positividade ligada ás súas actitudes explícitas.

Que pensas sobre a discapacidade? 

É natural que, ao ver a lista de factores que caracterizan o capacitismo, nos veñan á cabeza comportamentos dalgunhas persoas ou, nalgúns casos, de nós mesmos; pero para saber se se trata ou non de capacitismo, terás que responderte a ti mesmo as seguintes preguntas:

Baseácheste nunha ou en varias destas razóns para pensar sobre a discapacidade e as persoas con discapacidade? 

Cal ou cales cres que utilizas ou quizais utilizaches no pasado? 

Por que o fixeches? Podes sinalar algunha experiencia ou fonte (por exemplo, a televisión ou a publicidade) que te levase a asociar a discapacidade con sentimentos ou pensamentos negativos?

Seguimento

O capacitismo é común e, para a maioría de nós, inevitable, a non ser que traballemos para cambiar a nosa forma de pensar, sentir e actuar cara ás persoas con discapacidade. Escribe unha lista de razóns polas que ti ou outras persoas poderiades ter un pensamento capacitista. Cando o fagas, reflexiona un momento: como podes cambiar a túa forma de pensar a próxima vez que te atopes cunha persoa con discapacidade ou con algo que che lembre a discapacidade?

Os psicólogos distinguen entre pensamento rápido e lento. Cando pensamos rápido, recorremos a atallos, como os estereotipos, para darlle sentido á nosa experiencia. Estes prexuízos aforran tempo e enerxía mental -podemos pensar con rapidez e facilidade-, pero corremos o risco de sacar conclusións falsas sobre as persoas e de actuar de forma discriminatoria.

Unha cognición máis lenta e coidadosa obríganos a ter un pensamento crítico para revisar as nosas conclusións anteriores. Se imos máis amodo e cuestionamos as nosas suposicións, ou mesmo as nosas conclusións sobre a discapacidade, poderemos reducir a probabilidade de adoptar un pensamento capacitista.

Tómate uns minutos para reflexionar sobre as razóns polas que caíches nun pensamento capacitista no pasado. Como podes tentar evitalo no futuro? Que opinións ou crenzas alternativas (máis lentas) podes identificar agora para contrarrestar as conclusións anteriores (máis rápidas) sobre a discapacidade?

Como te lembrarás a ti mesmo que debes pensar con máis coidado e amodo a próxima vez que te atopes con algo ou con alguén que che faga reflexionar sobre como te sentes con respecto á discapacidade?

 

Gústache o que ves? Compárteo cun amigo.


Comentarios

Aínda non hai comentarios.

Déixanos o teu comentario